viernes, 29 de marzo de 2024

Peregrinación de 1954


   O sábado 11 de setembro de 1954 entrou pola mañá na catedral a peregrinación conxunta dos arciprestados de Berreo de Arriba e de Abaixo. A afluencia foi extraordinaria, calculándose o seu número en 3.500 peregrinos.
  O estandarte do grupo de mulleres do Arciprestado de Berreo de Arriba foi portado por dona Ángela Stolle Ramos (esposa do alcalde Juan Liñares), recollendo as cintas dona Clara Rivas de Astray e a señorita Piedad Carnota*. O dos homes foi portado por Alfonso de Navascués y de Pablos, xuíz de instrución, recollendo as cintas o notario de Ordes Alfonso Leirós Fernández e o rexistrador da propiedade tamén de Ordes Emilio Durán Corsanego.
  O estandarte dos homes do arciprestado de Berreo de Abaixo levouno o alcalde de Trazo.
  Participaron na comitiva os compoñentes dos concellos de ambos os dous arciprestados cos seus respectivos alcaldes, presidindo o de Trazo o primeiro tenente de alcalde. Tamén ían na presidencia os arciprestes señores D. Joaquín Andrade Orza e D. Jesús Sánchez Verdeal (párroco de Numide e Parada), coas representacións da Arquiconfraría do Apóstolo e Xunta do Ano Santo, o concelleiro santiagués, señor López de Riego, e o arcipreste do Xiro da Cidade, señor Louro.
  Antes da misa o arcipreste Andrade Orza, que fora profesor do Seminario Conciliar de Santiago, presentou a ofrenda ao Apóstolo recibida polo señor cardeal, dando lectura a unha magnífica invocación. O doutor Quiroga Palacios contestou á invocación cunha alocución na que felicitou aos peregrinos por render homenaxe ao santo Apóstolo, exhortándolles a manterse firmes nestas manifestacións católicas.
  Non faltou logo a habitual foto nas escaleiras da praza da Quintana.
  Os peregrinos animaron coa súa presenza as rúas compostelás e á tardiña iniciaron o regreso en tren ou autobús ás súas casas gratamente impresionados da xornada xacobea que viviron en Santiago.
 
 
Piedad Carnota Soto, filla do procurador José Carnota (irmán do xornalista Vicente Carnota) e da mestra Juana Soto Menlle doña Juanita, era a presidenta da Congregación das Fillas de María e vivía onde agora están a xestoría Cristín e o Mira. Morrería só 7 meses despois, o 9 de abril de 1955. 

lunes, 25 de marzo de 2024

Manuel Miramontes Fandiño

  Ao igual que Higinio Cambeses, Manuel Miramontes, máis coñecido como Bartolo ou Mestre Bartolo, non naceu en Ordes pero o seu paso pola vila deixou unha forte pegada.
 
  Manuel Miramontes Fandiño naceu en 1934 no Porto do Medio, lugar do barrio compostelán de San Lázaro, que naqueles tempos era unha aldea, preto da cidade iso si, pero "fóra de portas" (de feito tiñan que pasar polo fielato).
  Manuel foi un rapaz campesiño máis, apaixoado da música como o seu irmán Antonio. Xuntos compartiron unha gaita que custou 100 pesetas e aprenderon a tocar estando coas vacas no monte. Foron as monxas do colexio do antigo hospital de San Lázaro as que, debido á abundancia de Manueles, lle puxeron un alcume a cada un e a el tocoulle o de Bartolo.
 
  Ingresou en Cantigas e Agarimos onde coñeceu á que sería súa muller, a arzuana Margarita Taboada López Rita, que era unha das mellores bailarinas da agrupación. Con ela casaría e tería dous fillos, Rita (m.2018) e Manuel, que seguirían os seus pasos dentro do mundo do folklore galego (Rita filla mesmo sería presidenta da Asociación do Traxe Galego).
  O matrimonio emigrou 3 anos a Suiza para conseguir cartos para a súa casa. Xa de volta volveron á agrupación. Traballou tamén nun taller de cristalería. Como tocar a gaita non era suficiente para gañar a vida, empezou a dar clases e, vista a falta de luthiers de gaita despois do falecemento de Basilio Carril da rúa San Pedro, tamén empezou a facer palletas e posteriormente a fabricar gaitas nun taller que tiña en Monte dos Postes. Compuxo ademais moitas pezas como o pasarrúas "Cacheiras".
  Pero, como dicía el, o que máis fabricou foron gaiteiros: fundou diversas agrupacións como Brisas da Terra, Lembranzas do Tambre e bandas como Maruxía de Laxe, Os Enxebres de San Lázaro ou Aires de Compostela.
 
  Foi nos anos 70, coa fundación de Sementes do Arte por Juanjo Linares, que Bartolo iniciou o contacto con Ordes. Sería o primeiro mestre gaiteiro que tivo a agrupación e viaxaba en Castromil desde Santiago para ensinar e ensaiar nun local da antiga fábrica de Viriato. Toda unha xeración de gaiteiros ordenses naceu das súas clases.
 
 
  Posteriormente desde 1979 ao ano 2005 tamén daría clases no Colexio La Salle de Santiago onde tería centos de alumnos.
  Era pouco amigo da innovación e, aínda que respectaba aos que tomaban outros camiños, el prefería manterse fiel á tradición.
  Nel convivían o músico e o campesiño. Adoraba pasar o seu tempo no horto, máis que no seu taller, e nunca pensou en retirarse de gaiteiro.
  Morreu en decembro de 2022 aos 88 anos de idade.

 

  Para rematar, unha anécdota. O seu pai, mecánico da casa Singer, era moi carallán. Cando soubo que as monxas lle chamaban Bartolo ía polas tabernas cantando a canción «Bartolo tenía una flauta con un agujero solo, y la gente le decía: ¡Toca la flauta, Bartolo!». Cando Manuel comezou a tocar a gaita, cambiou a letra da canción substituíndo flauta por gaita. E, aínda máis, porque cando Manuel casou, engadiu a Rita na letra: «Bartolo tenía una gaita con un agujero solo, y Rita le daba la lata a la gaita de Bartolo».

viernes, 22 de marzo de 2024

Estatua de Ramón Ferreiro

  Ramón Ferreiro Regos, máis coñecido como Ramón o Practicante, foi un dos personaxes máis queridos en Ordes. O pobo fíxollo saber en vida pois foi declarado Fillo Predilecto polo Concello en 1989 (o 2º que se nomeou despois de Manuel Lois) e púxolle o seu nome á rúa que conduce ao centro médico no ano 2001.
  Estas homenaxes parecían poucas, así que o venres 8 de marzo de 2024 foi descuberta unha estatua colocada a carón da entrada ao centro médico na súa honra.
 
 
  O acto tivo lugar as 19 horas cun tempo sumamente desapacible o que limitou o número de asistentes. Estaban por suposto as súas fillas Estrella e Mª Carmen, o seu fillo Ramón e os seus dous netos. Foi Estrella quen agradeceu á xente pola súa presenza e recordou emocionada á súa irmá maior Dolores (falecida 3 meses atrás) nesa data tan especial onde coincidiron o Día da Muller e a homenaxe ao seu pai.
  O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña encomiou a figura de Ramón, a quen definiu como «unha persoa cunha excelente profesionalidade e calidade humana, esforzado e sacrificado por coidar da saúde dos demais», recoñecemento que fixo extensivo a todo o persoal da sanidade pública que traballou durante a pandemia.
  Ademais de concelleiros dos diversos partidos, representou á Corporación Susana García, xa que o alcalde José Luis Sanjurjo non puido asistir por enfermidade.
 
 
  A estatua, de bronce e de tamaño natural, custou algo máis de 33.600 euros e foi elaborada polo escultor malpicán Miguel Couto Cotelo. Respecto á súa calidade artística, sen comentarios.
 

martes, 19 de marzo de 2024

Inauguración do Consistorio

 
  O martes 14 de setembro de 1954 a vila de Ordes viviu un dos eventos máis destacados da súa historia: a inauguración da nova Casa do Concello que coincidiu cunha homenaxe ao heroe local Manuel Lois.
  A vila apareceu engalanada para a ocasión con bandeiras españolas en balcóns e fiestras, especialmente no novo palacio consistorial. Moita xente foi enchendo a alameda e arredores para ver ás autoridades e ás tropas desfilando. Para satisfacción de todos a bruma matinal deu paso a un sol brillante e limpo.
  Pouco despois das 10 o batallón do Tercio Norte de Infantería de Mariña, que peregrinou a pé a Santiago e retornou a Ordes do mesmo xeito, formou con escuadra de gastadores e banda de música diante da Alameda.
 
  Foron chegando entón as autoridades que presidirían os actos e esperándoas o alcalde Juan Liñares Castro, acompañado do secretario Concheiro. Os primeiros en presentarse foron os máis próximos, os alcaldes das vilas do contorno entre os que estaban o compostelán Enrique Otero Aenlle, o padronés Ramón Pázos Jiménez e o negreirés José Abeijón Sánchez, nativo de Ordes (era tío de Kilé).
  Chegarían logo o resto de autoridades: o xefe do Tercio da Garda Civil Enrique Pueyo del Val, o Capital Xeneral do Departamento Marítimo do Ferrol e ex-ministro da Mariña almirante Regalado Rodríguez, o entón ministro de Mariña almirante Salvador Moreno Fernández e o cardeal arcebispo de Santiago doutor Quiroga Palacios. Tamén estaba o presidente da Deputación provincial Diego Delicado Marañón, representando ao gobernador civil Cristóbal Graciá Martínez que chegaría a última hora a incorporarse ao acto.
 
 Pero a lista de asistentes era enorme: o tenente coronel Pablo González Anguiano representando ao gobernador militar da Coruña, o delegado de Facenda Teodosio Gobernado Parrado, o presidente da Audiencia Territorial Cándido Conde Pumpido, o fiscal xefe Antonio Codesido Silva, o inspector xefe de Traballo Antonio Núñez Rodríguez representando ao delegado de Traballo, o delegado de Información e Turismo Francisco Serrano Castilla, o subxefe provincial do Movimiento Eugenio López y López, o delegado provincial de Sindicatos Carlos Bruquetas Saurín, o fiscal da Vivenda Jesús Molina Paz, o inspector provincial do Movimiento Guillermo del Valle Ordieres, o procurador en Cortes Miguel Rodríguez Bautista, o presidente do Consello Provincial do instituto Nacional de Previsión Eduardo Sanjurjo de Carricarte, o deputado provincial Manuel Gila Lámela, o tenente alcalde da Coruña Leopoldo Sánchez Tella e algúns máis de menor importancia.
 

  As estrelas do acto foron chegando aos poucos. O almirante Regalado pasou revista ás tropas. Pouco despois chegou o cardeal. Cando se presentou o ministro de Mariña tamén pasaría revista ás tropas ao son do himno nacional.
  A continuación tivo lugar unha misa de campaña na avenida Alfonso Senra oficiada polo capelán de primeira de Infantería de Mariña padre San Miguel. A banda tocou diversas pezas durante a misa, rematando coa emotiva "Salve marinera".
 
O coronel do Tercio Norte Suárez Abelleira recordou entón o heroísmo de Manuel Lois e púxoo como exemplo aos infantes de mariña. Contestoulle o alcalde agradecendo a asistencia dos presentes. Foi depositada despois unha coroa de loureiro diante da placa de bronce que había no muro e onde se rememoraba a heroica morte de Manuel Lois. Rematou o ministro de Mariña que ponderou de novo a figura de Lois e o papel da Armada.
  Celebrouse despois a solemne inauguración do novo "palacio municipal" que foi bendecido polo cardeal Quiroga. No salón de sesións foi colocada tamén unha imaxe do Sacro Corazón de Xesús.
  Finalizou o acto co esperado desfile das tropas diante das autoridades colocadas no balcón do consistorio e do entregado público ordense.
  Pero a mediodía aínda houbo unha comida con que o concello obsequiou ás autoridades e aos xefes e oficiais do Tercio Norte.
 

  E como non pode haber unha alegría tan completa, un triste épilogo sería que nas maniobras que a tropa realizou preto de Ordes morreu atropelado o soldado Eugenio Yáñez Pedreira.

sábado, 16 de marzo de 2024

Festas patronais de 1954

  As festas patronais de 1954 serviron para levantar o ánimo do pobo que estaba aínda afectado pola tráxica morte do mozo José Abeijón un mes atrás. Duraron 4 días e contaron coa actuación da Banda de Música de Arca, que era como da casa e que xa tocara en 1951, e a Orquesta Tropical de Betanzos, formación dirixida por Pedro García. O programa foi case exactamente igual ao das festas de 1953, só con lixeiros cambios de horario.
 
  O sábado 14 ás 12 da mañá as festas deron inicio oficialmente con repenique de campás e salvas de bombas, mentres gaiteiros do país percorrían as rúas ao son das gaitas. Ás 7 da tarde fixo a súa entrada na vila a Banda de Arca con alegres pasarrúas. Ás 10 da noite na Alameda, iluminada como outros anos polo industrial pontevedrés Miguel Romero, comezou a verbena amenizada pola banda e anunciada con estrondo por "infinidade" de bombas e foguetes.
  O domingo 15, día grande, ás 8 da mañá unha salva de potentes bombas espertou aos ordenses. Unha hora despois a banda de Arca e gaiteiros do país percorreron as rúas tocando alegres dianas e alboradas. Ás 11 os gaiteiros acompañaron aos xigantes e cabezudos paseando polas rúas. Ás 12 tivo lugar a misa solemne que acabaría coa procesión presidida polas autoridades. Ás 2 da tarde tivo lugar o concerto da banda e da Orquestra Tropical na Alameda.
  Ás cinco e media da tarde houbo partido de fútbol entre o Club Marte, campión da 2ª División de Modestos da Coruña, e o equipo local. Disputaban unha copa doada pola Deputación provincial.
  A continuación na Alameda houbo festa vespertina coa banda e a orquestra. Despois de parar para cear, ás 11 da noite houbo unha sesión de fogos e lucería con queima dunha fachada (imitando aos fogos do Apóstolo en Santiago), obra dos famosos industriais irmáns Rocha de Oza dos Ríos. A continuación de novo a música e o baile. O final da verbena anunciouse con múltiples foguetes e elevación de globos "grotescos".
  O lunes 16, día de San Roque, copiou ao anterior. Ás 9 volveu saír a banda e ás 11 os xigantes e cabezudos. Misa solemne tamén ás 12 pero a música xa se adiantou á unha. Ás cinco e media da tarde houbo de novo partido de fútbol. Nesta ocasión disputouse un trofeo doado pola casa Monplet e o equipo rival sería a S.D. Español, un equipo máis forte campión da 1ª División de Modestos da Coruña. Ás 8  e ás 11 repetiuse o baile. Ás 12 da noite houbo de novo sesión de fogos artificiais.
  O martes 17 saíu a banda ás 9 da maña e houbo sesión vermú de 12 a dúas da tarde. A tarde quedou reservada para os divertidos xogos daquela época: carreiras de cintas, de sacos... e outras varias que facían a delicia dos asistentes. Ás 8 houbo festa popular e ás 11 da noite a última verbena despediu as festas co habitual estoupido de foguetes e elevación de globos.
 
  En 1954 tanto La Noche como La Voz de Galicia dedicaron un par de páxinas ás  festas patronais. Nelas, ademais de moitos anuncios de empresarios locais, aparecía o programa e unha reportaxe sobre o equipo de fútbol (coa mesma foto nos dous xornais). La Voz de Galicia engadía ademais unha biografía de Manuel Lois, un longo artigo de Manuel Pedreira Vázquez sobre temas veterinarios e outra vez (xa o fixera en 1953) a foto de dúas belezas locais, esta vez baixo o título "Jóvenes ordinensas" (sic).
 

sábado, 9 de marzo de 2024

A familia Villaverde (Vilaverde)


   O apelido Villaverde, con case 400 portadores, é moi habitual en Ordes. Naceu obviamente na pequena aldea de Vilaverde que está a un quilómetro da vila e aínda hoxe, a pesar de que se espallaron por outros lugares como o Piñeiro ou a Espenica (onde son chamados os de Veiras), segue habendo Villaverdes no lugar: son os de Ghorecho.
  A razón do nome é que o patriarca foi Gregorio Villaverde Ghorecho (con gheada), un podente agricultor, que casou con Jesusa Veiras de Lavandeira (Poulo).
  O matrimonio tivo polo menos 5 fillos: María, Juan, Cándido, Andrea e José Villaverde Veiras.
 
María Villaverde Veiras (1892-1974) casou para o Balado con José Areoso Golán (1888-1961), irmán de Manuela -a matriarca dos de Gholán do Balado-.Tiveron tres fillos: Jesús Areoso Villaverde (1927-2002) que foi capataz de legoeiros e acabou vivindo na Coruña, Jesusa (1932-2020) que casou con Manuel García Varela dos Gharcías do Casal con quen rexentou un bar na Coruña e foi nai do actor Manuel José García Areoso e de Ismael José, e a profesora do Instituto San Clemente Mª Carmen Areoso Villaverde (1933-2019), muller do veterinario Vicente Fojo Salgueiro.
De Juan só sabemos que emigrou, quizais a América.
 
Cándido Villaverde Veiras (1898-1977) foi o que herdou a casa paterna e casou con Jesusa Regos Barreiro (n.1906) do Casal. Tiveron tres fillos: José, Concepción e Emilia.
José Veiras Regos (1926-1995) foi comisario de policía e viviu na Coruña. Concepción casou co taxista Benedicto Rodríguez Gómez (1922-2016), fillo do Serrador e irmán do antigo guerrilleiro Pedro. Con el tivo dous fillos, Manuel e Benedicto.
Emilia Veiras Regos foi a que quedou en Vilaverde. Casou con Evaristo Moure Castro (1932-2012) tamén de Vilaverde -matrimonio adiantado ao seu tempo pois viviron cada un na súa casa-. Evaristo foi todo un personaxe, agricultor, barbeiro e criador de ovellas e cans de caza. Era coñecido non só en Ordes senón en toda a comarca e os domingos o patio da súa casa parecía unha feira con grupos de persoas falando de caza e comprando, vendendo ou intercambiando cans.
 
Andrea Villaverde Veiras (1901-1975) tivo un fillo de solteira, José Villaverde Veiras, coñecido como Cheíño ou o Xeitoso pola súa curta estatura. Aprendeu a tocar o clarinete e de mozo foi compañeiro de fatigas do seu veciño Manuel Viqueira Vieites o gaiteiro de Vilaverde. Posteriormente emigraría ao Uruguay e á súa volta traballou como funcionario municipal (nos xardíns, conducindo o camión do lixo e cobrando as taxas nas feiras) ata a xubilación. Andrea casou logo con José del Río Grela (1909-1988) co que tería outras tres fillas: María, Felisa e Carmen del Río Villaverde.
Jose Villaverde Veiras tamén quedou en Vilaverde. Casou con Josefa Gómez Garaboa (1917-2009) de Poulo, coa que tivo dous fillos, Pilar e José Villaverde Gómez. Este último foi o que viviu en Vilaverde e morreu en febreiro de 2024.
 

miércoles, 6 de marzo de 2024

O ano 1954

  En 1954 continuaba a Guerra Fría en todo o seu esplendor e xurdiu como consecuencia a "Teoría do dominó". A URSS inaugurou a primeira central nuclear en Obninsk e Estados Unidos detonaba continuamente bombas atómicas e de hidóxeno cada vez máis potentes ademais de botar o submarino Nautilus, o primeiro a propulsión nuclear. Internamente en cambio comezou nese país unha etapa máis liberal coa caída en desgraza do senador McCarthy e os inicios da batalla contra a segregación racial.
  En Asía, chegada a paz a Corea, agora o conflito estaba en Indochina coa rendición en maio das tropas francesas en Dien Bien Phu. Os acordos de Ginebra crearon Laos, Camboya e Vietnam. Este último dividido en dous, cun norte comunista ao mando de Hồ Chí Minh e un sur con Bao Dai de emperador. Tamén Indonesia se desvinculou dos Países Baixos.
 

  En América do sur Alfredo Stroessner chegou á presidencia de Paraguay na que duraría ata 1989! En África Nasser sería primeiro ministro de Exipto e comezaba o FNL arxelino a súa guerra de liberación contra Francia. 

  1953 foi un ano de grandísimas películas como "La strada" de Fellini, pero destacou no apartado musical polo nacemento oficial do Rock and Roll coa canción "Rock around the clock" de Bill Haley & His Comets e o primeiro disco, "That's All Right", do futuro ídolo Elvis Presley. Na literatura JRR Tolkien publicou "The Fellowship of the Ring", primeiro da súa triloxía de fantasía. Tamén foi o ano no que naceron a UEFA, a linguaxe Fortran, o CERN e Télé Monte Carlo, o primeiro canal de TV privado en Europa. 

 

  En España 1954 foi un ano bastante bo, aínda que o tempo golpeou duro cunha nevada histórica que branqueou lugares tan insólitos como Huelva, Sevilla ou Málaga. Quizais por iso ese ano tamén se inaugurou a estación de esquí Valgrande-Pajares.

   A economía melloraba lenta pero consistentemente, como exemplo fundouse Barreiros Diesel SA cun capital inicial de 10 millóns de pesetas e comezaba a prestarse atención ao turismo na Costa del Sol. A conflitividade social era baixa e a oposición ao Réxime iniciou unha lenta introdución na OSE aproveitando que ese ano deixou de ser obrigatorio estar afiliado á Falange para participar nas eleccións sindicais. Pero non todo o monte era ourego: en xullo modificouse a Ley de vagos y maleantes para dar entrada nela aos homosexuais.

   Continuaron mellorando as relacións internacionais co envío de armas estadounidenses para España, a cesión do dragaminas Nalón, e en abril a emotiva chegada do buque Semíramis no que a URSS mandaba de volta 286 soldados da División Azul.

 

  1954 foi o ano de "Cántame un pasodoble español" e das películas "Marcelino, pan y vino", un tremendo éxito artístico e comercial, e de "Once pares de botas", non tan boa pero que testemuñaba o bum do fútbol nos 50. Tamén apareceu a radionovela "Un arrabal junto al cielo". O ano rematou co 1º Festival de San Sebastián (aínda que houbera xa un non oficial en 1953) e o novo nome dos premios Ondas (en honor da revista Ondas desaparecida en 1936).  

  Galicia, que tamén sufriu de inicio fortes nevadas e temperaturas na montaña ourensá de -12ºC, viviu de novo un ano xacobeo cheo de peregrinos, entre eles un moi ilustre: o cardenal Roncalli, futuro papa Xoán XXIII, que visitou a cidade de Santiago en xullo. A economía melloraba con lentitude e ese ano emigraron 22.600 persoas.
 
E que pasaba en Ordes? 
XANEIRO: Un profesor de arte de New York estivo na vila para ver na igrexa a estatua de San Bieito do imaxineiro santiagués Ferreiro. Nomeado rexistrador da propiedade Emilio Durán Corsanego, fillo do director da Escola de Comercio Antonio Durán Cao.
FEBREIRO: O domingo 7 celebrouse a Festa da Árbore. O Ordes, derrotado polo Arenal 0-2, perdeu o seu 1º partido oficial. Morreu en Leira Pedro Vieites López aos 60 anos e en Ordes Manuela Iglesias García, muller de Mingos e nai de Javier Alfonso.
MARZO: O cardeal Quiroga Palacios estivo en Ordes para confirmar a máis de 1000 persoas. 3 nenos santiagueses escaparon de casa e apareceron en Leira. Morreu en Buscás José Botana Ríos aos 79 anos e en Pereira Antonio Pedrouzo Pazos aos 73 anos.
ABRIL: Morreron en Buscás Manuela Boga Rey aos 64 anos e en Leira Manuela Villasenín Reboredo aos 63 anos.
MAIO: Comezou a "Copa Federación" na que o equipo de Ordes remataría 2º.
XUÑO: Nomeado recadador da zona de Ordes Mario Tizón Vázquez. Morreu o día 26 Vicente Corral Rey o Culero, propietario dun bar no Recreo, aos 55 anos.
XULLO: Tráxica morte do mozo ordense de 24 anos José Abeijón Amado afogado no Río Tambre en Negreira. Impresionante manifestación de dó no seu enterro.
AGOSTO: Partidos de fútbol nas festas patronais contra o CD Marte e Español SD. Faleceu en Berreo aos 78 anos o ex-alcalde de Trazo Ricardo Viqueira Regueiro, patriarca da familia do Nogallás.
SETEMBRO: Inauguración solemne da Casa Consistorial. Nunhas maniobras do Tercio Norte morreu atropelado o soldado Eugenio Yáñez Pedreira. Peregrinación conxunta dos arciprestados de Berreo de Arriba e de Abaixo. Morreron Encarnación Golán García aos 43 anos e Manuel Castro del Río aos 52 anos. Tamén morreu en Leira María Llamas de Navia, viúva de Díaz Varela e propietaria do pazo de Codeseda.
OUTUBRO: Lamentable estado da rúa da Igrexa e do campo da feira pola choiva. O equipo do celta parou a comer en Ordes. Promoción da Caixa de Aforros doando libretas aos rapaces máis aplicados e de bo comportamento. Morreu en Ardemil José Gómez Candal aos 63 anos e en Leira Manuel Vieites López (pai de Doroteo, José, Florentino, María e Manuel Vieites García) aos 72 anos.
NOVEMBRO: Visto un OVNI en Deixebre. Polémico partido entre o Arenal e o Ordes en Santa Isabel. Morreron en Leira Melchor Presedo Rodríguez aos 96 anos e Andrés Reboredo Couto aos 66. En Ordes faleceron María Galán Benito, media irmá de Ramón e José Galán, e Elena López pérez, avoa de Javier Veiga, aos 85 anos.
DECEMBRO: O equipo de fútbol comezou o mes como líder da súa categoría con 22 puntos despois de 13 partidos, seguido a 3 puntos polo Brigantium (que o acabaría superando).