sábado, 25 de junio de 2016

Antonio del Río y Castro

  Naceu o 13 de marzo de 1846 en Ferrol dentro dunha familia acomodada. O seu pai, Antonio del Río y Leira, era interventor da Administración de Rendas (recaudador de contribucións). Do seu matrimonio con Benigna de Castro y Jaureguiberry tivo 8 fillos, dos que Antonio foi o terceiro.
  El tamén traballou na Administración de Rendas no distrito de Ordes a onde chegou no ano 1871 con 25 anos. Despois dun breve matrimonio con Elisa Núñez y Prego (morreu moi nova en xuño de 1876) casou con Elena Carnota Pérez, irmá do famoso xornalista local Vicente Carnota. Con ela tivo 7 fillos (5 na vila, un deles Leandro del Río).

  Tamén foi axente do Banco de España en Ordes, o que, unido ao feito de que o seu irmán maior Ángel José del Río Castro (1842-1897) fose alcalde do concello, deulle un gran prestixio e influencia.
  En 1878 publica "El Fomento" un xornal que se caracteriza pola denuncia da situación do país e polos seus ataques ao poder do clero. Isto último ocasiónalle un par de suspensións ata que en 1880 outra longa suspensión engadida a unha excomuñón do propio cardeal Payá remata con el.

  Nese momento comezou seriamente na política e durante 10 anos sería o home forte do distrito. En 1884 entrou na Diputación Provincial e en novembro de 1885 conseguiu a presidencia -durante menos dun mes-, o que é o punto máis alto da súa carreira política nesta fase. Foi un fiel seguidor de Romero Robledo, político conservador na órbita de Cánovas.
  As eleccións provinciais de 1888 supuxeron o comezo do seu declive. A pesar do poder que tiña nos concellos do partido, quedou 5º e non logrou praza para a Deputacion.
  En 1890 fixou a súa residencia na Coruña, despois da súa perda de influencia en Ordes como quedou demostrado novamente nas eleccións de 1891: O seu protexido, o tamén romerista Luciano Puga só logrou uns 300 votos fronte a Manuel Linares Astray, logo popular escritor. En Ordes había xa un novo xefe, o cacique por excelencia: Saturnino Aller.

  Pero Romero Robledo, agora ministro de Ultramar, noméao en 1892 gobernador da provincia de La Unión. Volveu a España en 1893 coincidindo coa morte da súa nai. En 1898 outra vez en Filipinas, sendo gobernador de La Laguna, viviu a derrota española. Formou parte, xunto co comandante de Estado Mayor D. Enrique Toral, da comisión que negociou a devolución dos prisioneiros co mesmo Emilio Aguinaldo, xefe dos insurrectos filipinos, que lle regalou unha bandeira como recordo (logo exhibida orgullosamente na Coruña). A súa intervención nestes eventos tróuxolle bastante celebridade. En abril dese ano volveu a España.

  En 1900 recibe unha homenaxe dos seus partidarios en Ordes onde seguiu manifestando a súa adhesión a Romero Robledo.
  No ano 1903 volveu ás Filipinas por motivos persoais e alí morreu de febres tifoideas en xaneiro do ano 1907. Está soterrado en Manila, a capital.
  Ordes dedicou a fonte da Alameda á súa memoria.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario