sábado, 27 de mayo de 2017

Atentado en Frades

  Xa temos dito que a lei de 1906 que permitía o asociacionismo agrario supuxo a aparición de numerosas organizacións e sindicatos. O que debía ser unha vía pacífica para expoñer as reivindicacións campesiñas pronto colleu unha senda distinta.
  Case inmediatamente subiu a tensión porque moitos campesiños, cun forte sentido de agravio, sentían que non lograrían nada por medios pacíficos e levaron a súa loita a extremos violentos, primeiro contra os representantes do sistema (caciques, corporacións municipais, grandes propietarios, o clero, banqueiros ...), pero logo tamén contra os propios compañeiros que non compartían a súa visión ou os seus métodos.
  Isto deu lugar a múltiples episodios violentos no agro, que, de paso, coincidían no tempo con atentados de organizacións proletarias (normalmente achacados aos anarquistas) nas cidades. Os sindicalistas minimizaban os incidentes ou negábanos alegando que eran montaxes feitas polo bando contrario para desacreditalos. En parte era certo, pero probablemente non na maioría dos casos.
 Na comarca de Ordes, moi rural, houbo numerosos incidentes menores. Por exemplo, en febreiro de 1908 os solidarios de Trazo queíxáronse ao Gobernador Civil da Coruña, Crespo de Lara, de que o alcalde, Gumersindo Liñares, lles prohibira facer un mítin. Pero, de paso, eles foron demandados por inxurias a Liñares e por queimar varios carros de palla a un campesiño que rexeitou integrase no sindicato.
 Non obstante o suceso máis grave tivo lugar a noite do venres ao sábado 7 de marzo de 1908 no concello de Frades.
  Dúas bombas* de dinamita fixeron explosión, unha na Casa consistorial e a outra no domicilio particular do secretario da Corporación municipal, Joaquín Fuciños Codesido. Non houbo que lamentar vítimas pero si considerables danos materiais, especialmente no mobiliario e casa do secretario.
  Tan pronto tivo coñecemento do atentado, Crespo de Lara mandou que saísen para Frades as forzas do posto da Garda Civil de Curtis con obxecto de investigar e deter, se se podía, aos culpables.
  Pero, aínda que era evidente para todo o mundo a relación coa loita agrarista, cousa distinta era atopar probas. Así que aí quedou o tema e, aos poucos días, os números da Garda Civil volveron aos seus cuarteis.

  *Os atentados con bombas non eran raros. Houbo varios ese ano no campo (Santiso, Cea, Callobre, Monforte ...). Ata había algúns por motivos persoais e non políticos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario