viernes, 21 de julio de 2017

Juan Ferreiro Franqueira

  Juan Ferreiro, máis coñecido como Juanito da Fabera, naceu en Ordes en 1870. Era fillo de José Ferreiro Noya (un irmán máis novo de Juan -Xan Ferreiro-, únicos varóns que chegaron á idade adulta) e de Vicenta Franqueira Martínez. A pesar de medir pouco máis de 1,61 m. era valente e arroutado (quizais demasiado). De feito, en 1907, cando xa non era un mozo, "visitou" o cárcere por agredir e ameazar de morte... ao seu irmán maior Luis!
  Casou con Manuela Recouso del Río de Vilar, filla de Francisco Recouso Viqueira e de María del Río Noya.  
 
  Tamén Manuela tiña un carácter "difícil". Un neto -o meu pai- contaba que, cando se enfadaba, tiráballe a primeira cousa que tivese a man de rebolos. Tiveron 6 fillos: José, Carmen, Juan, Dolores, Manuel e Babila Ferreiro Recouso. Esta última, Babila, foi a miña avoa paterna.

  Juan era canteiro e todos os cartos que gañaba dedicábaos a comprar terra. Tamén se meteu en política, ámbito no que atopamos o episodio máis interesante da súa biografía, que tivo lugar en xaneiro de 1908. Nese momento era o presidente da Xunta Municipal do Censo do distrito de Ordes, da que era secretario Agapito Zamaloa.
  O 17 de xaneiro acordouse que o sorteo sería ás tres da tarde para os contribuíntes do territorial e ás catro para os industriais. Pero a Juan e Agapito debíaselles facer tarde, así que celebraron os sorteos e escribiron as actas ao seu gusto e capricho. Cando chegaron os contribuíntes, primeiro quedaron pasmados e logo protestaron con vigor. Pero Juan coma se oíse chover. Deron as catro e coa chegada dos industriais a discusión subiu de ton. Pronto chegaron os insultos e ameazas pero afortunadamente esta vez o sangue non chegou ao río. 
  Un tanto acougados os burlados contribuíntes decidiron proceder xudicialmente contra Juan Ferreiro e Agapito Zamaloa e para iso recorreron ao letrado Manuel Durán García. Ano e medio despois tivo lugar o xuízo. O letrado sostiña que había falsidade de documento público (as actas dos sorteos) e pedía para ambos os dous 14 anos, 8 meses e un día de condena máis 1.750 pesetas de multa.
  Pero das 21 testemuñas citadas a declarar só apareceron 4... que non aclararon nada. A acusación desinflouse mentres algún se preguntaba que se fixera daqueles que tan indignados estaban o ano anterior. Misterios da política municipal!
  En decembro dese mesmo ano, 1909, o novo alcalde declaraba non poder pagar os impostos a Facenda porque o depositario dos fondos municipais (adiviñades quen era?) negábase a render contas.

  Caído en desgraza despois de todas estas leas, Juan emigrou a Arxentina (tamén o fixeron 5 dos seus 6 fillos) onde traballou de carpinteiro.
  Regresou e de novo dedicouse á construción. Na súa cuadrilla estaba José García do Casal (que posteriormente faría a Casa consistorial nos 50) Andrés da Robada, Ricardo de Xaniño, un par de Mariños do Casal...
  Das obras que fixo aínda quedan algúns panteóns do cemiterio e o muro de Brandón.
 

  Este último merece una explicación máis longa:
  Hoxe pode parecer sorprendente pero antigamente moita xente de posición veraneaba en Ordes (viñan gozar de noso "salutífero clima de montaña"). Un deses distinguidos veraneantes era o avogado e político José Mª Méndez Gil Brandón, quen comprou o que hoxe é Alfonso Senra 41 a Rogelio. Alí edificou un chalé, con todos os adiantos da época, construído por obreiros coruñeses, pero contratou para facer o muro ao seu veciño Juan Ferreiro.
  De todos os xeitos, cando vía aos canteiros colocar as pedras, preguntou desconfiado:
- Señor Juan, ¿está usted seguro de que el muro aguantará?
- Tranquilo. Estará en pé cando vostede e eu esteamos na tumba.
  Non faltou á verdade nesa ocasión. Máis de 80 anos despois o muro segue en pé.

  Juan Ferreiro Franqueira morreu en 1940 e está soterrado no cemiterio vello de Ordes. A maioría dos seus descendentes viven en Arxentina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario