Unha das familias máis ricas de Ordes a
principios do século XX eran os Faya,
máis coñecidos como os da Fábrica, pois debían o seu patrimonio á fábrica de curtidos que había no
Recreo, no que hoxe é a Rúa Mirón.
O patriarca familiar foi Ramón Faya Fernández (1869-1945), nado en Santa Cristina de Barro (Noia), fillo de Campio Faya Someso e de Carmen Fernández Rodríguez. Casou a finais do século XIX
con Manuela Vilariño Fernández (m.1960) da mesma parroquia e filla de Pedro Vilariño Agra e Ramona Fernández Romero*.
O matrimonio tivo 12 fillos (varios nacidos en Noia, antes de emigrar a Ordes a principios do século XX): Carmen, Ramona,
Luis, Maruja, Segundo, Paca, Pura, Felisa, Ramón, Jenaro, Trini e Anuncia. A pesar de ser
tantos, o número de descendentes en Ordes non é alto porque case todas as mulleres (agás
Trini, solteira) casaron con forasteiros e instaláronse fóra e só 2 dos 4
varóns quedaron na vila.
Carmen
Faya Vilariño (1897-1969), a irmá maior, casou con Jesús Castro Castro (1896-1977), mecánico dos autobuses "El Noroeste" e logo fundador de "Talleres
Castro SL" de Santiago. A pesar de vivir en Santiago construíron un chalé
moi luxoso a finais dos anos 60 na Rúa Coruña (entón a esa zona aínda lle
chamaban Vista Alegre e ao chalé "casa solariega") e tamén un panteón
no cemiterio do Piñeiro onde están soterrados varios membros desta rama
familiar. Eran chamados os do Padre Benito.
Igual cós seus pais, Carmen tivo 10 fillos.
Varios dos varóns (Pablo, Álvaro e Gonzalo) traballaron no negocio do motor
paterno e o menor, Blas, de perito industrial en Bazán, o mesmo que o seu cuñado Benito Crego, funcionario técnico
desa empresa. Sagrario casou con José Albarrán (1931-2011) da familia
propietaria de "Albarrán", uns grandes almacéns que había en varias
cidades galegas.
Alvaro Castro
Faya naceu o 25-07-1926 na rúa da Senra en Santiago. Xerente de Talleres
Castro. Tamén foi conselleiro da Caixa de Aforros, presidente da Asociación
local de Talleres de reparación de automóbiles e presidente nos anos 70 de
Cantigas e Agarimos. Casou con Generosa Noya Éxpósito (m.2000) coa que viviu
en Cacheiras (Teo) e tivo unha filla, Luisa Fernanda Castro, profesora. Morreu
o 12-12-2022.
Gonzalo Castro Faya naceu o 04-04-1933 en Ordes. Administrador de Gonzacar
SL no Cruceiro da Coruña. Viviu en Romero Donallo coa súa muller Mercedes
Seijas Salgado, coa que tivo 3 fillos: Marcial (economista), Felisa (doutora)
e Mercedes Castro Seijas (avogada).
|
María (1904-1932) casou moi nova en 1923 con Manuel Regos Caramelo (1897-1961), propietario dun serradoiro nos anos 30. Ramona
(1901-1987) casou en 1925 cun industrial de Noia, Domingo Vieites, e instalouse
en Santiago. No mesmo ano, pero un pouco antes, casou Francisca (m. 1968) co coruñés Celestino Izquierdo. Purificación casou en 1928 cun mozo
santiagués e marcharon a Arxentina. Felisa (m.1965) casou con Paco Fernández (1909-1979) de Noia, vila onde rexentaron o famoso restaurante "O Ferrador" (aínda funcionando nas mans da 4ª xeración familiar) e tiveron un único fillo, Francisco, que foi mestre e notable debuxante. Anunciación
(1917-1983), a filla máis nova, tamén se instalou en Santiago.
A única que quedou na vila foi Trinidad (1915-2015) que non casou,
ensinou o oficio de modista a numerosas mozas da vila e chegou a centenaria.
Luis Faya Vilariño
(1903-1988), o maior dos varóns, continuou co negocio familiar e viviu na casa
da fábrica, na Rúa Mirón. Casou con María Rodríguez e tivo 8 fillos: Mª Luisa,
Luis, Herminia, Hortensia, Euduviges, David, José Antonio e Roberto.
Segundo
Chundo (1905-1983), que viviu na casa
familiar en Alfonso Senra, tamén se dedicou ao coiro. Casou con Carmen Lamas e
tiveron 4 fillos: Ramón o Roxo, Óscar (das máquinas de coser), Carmiña
e Lourdes Faya Lamas.
Ramón
(1911-1960) e Jenaro (1913-1991), os
irmáns máis novos, formaron a principios dos anos 30 con dous amigos (Chucho do
Corveiro e Pedro do Carteiro) o grupo de música galega "Os da Fábrica" -logo todos eles integraríanse na
Banda de Ordes-. Ramón casou con Plácida, a filla maior de Ramón da Ponte, e Jenaro con Felisa Chas. Ambos os
dous instaláronse na Coruña.
Pero o patriarca Ramón, procedente de Noia -lugar que exportaba zapateiros en
gran cantidade- non foi o único que veu a Ordes:
Irmán seu foi José Faya Fernández (n.1871), alcalde brevemente en 1910, que compaxinou o
coiro cunha empresa de autobuses. El foi o pai de Gloria Faya Mariño (1902-1984), que, do seu matrimonio con Antonio
Casas Grela, tivo a Manuel, Lino e Suso, os do supermercado "Casas
Faya", de Concepción Faya Mariño,
quen casou con Pedro Graña Blanco (1897-1952) sendo nai dos Grañas da maquía do
Recreo, de Dolores e de varios varóns: Lino, Toñito, Angelito e Campio.
Tamén irmá de Ramón foi Manuela Faya Fernández (n.1978), a muller do Capitán e nai de Víctor González Faya de "Calzados
Capitán".
E aínda houbo outra irmá (polo menos) chamada Mª Carmen (n.1880) da que non temos máis información.
E aínda houbo outra irmá (polo menos) chamada Mª Carmen (n.1880) da que non temos máis información.
* Datos aportados por César Fernández (neto de Felisa Faya).
No hay comentarios:
Publicar un comentario