viernes, 16 de febrero de 2018

Vellos alcumes de Ordes (3)

  Josefa Vázquez Aude (1893-1960) era unha muller que vivía onde hoxe está o Banco de Santander e andaba nas feiras vendendo froita. O seu alcume era un dos máis famosos de Ordes: a Tarula (ou Terula).
  Os seus fillos poñían as tarimas na feira. Un deles, Germán da Tarula, era tan forte que era capaz de descargar os sacos de mineral (que entón pesaban 100 kg, que non era ningunha broma). Curiosamente dos varios fillos que tivo, dous deles, Manuel e Germán, casaron tamén con dúas irmás, as Trapeiras, chamadas así porque nos tempos da miseria tiveron que cambiar todo tipo de roupa por comida -unhas medias e un mandil, por exemplo, a cambio de millo- para subsistir.
  Outra filla, Josefa López Vázquez (1922-2010), Fina da Tarula, casou co viúvo Manuel Fuentes Villaverde (1938-2014) maís coñecido como Bernabé, que fóra revisor do Cotovío e tamén vendía correas e cintos. O seu fillo maior, Manuel Fuentes, que vive en Penelas no camiño ao rego Mercurín, é coñecido como Bemba.

  Antonio Álvarez Mosquera (1888-1963), naceu en Abellá (Frades) e veu a Ordes desde Cuba cun forito co que iniciou a súa coñecida empresa "Autos Álvarez". Pero ninguén lle chamaba así: eran os coches do Cotovío -alcume que non lle gustaba-. Supoño que tería que ver co seu caracter inquedo, similar ao da cotovía (alondra en castelán).
  O seu sobriño José Álvarez Mosquera que traballou na súa empresa e que despois emigrou a Brasil era Pepe o Cozo.
  Rogelio Prado Carnota (1902-1966), o propietario da outra empresa de autobuses, veu de Santaia de Moar (tamén en Frades). O seu 4º fillo, José Prado Iglesias (1930-2003), era coñecido nos seus anos mozos como Dicholas. O 6º e máis novo, Antonio "Tonecho", grazas á súa fortaleza física era alcumado na súa xuventude Hoss, polo seu parecido cun personaxe da serie "Bonanza". Agora moitos rapaces do Mesón o identifican polo nome da empresa, Rogelio.

 Relacionado co motor estaba Jesús Castro Castro (1896-1977), o fundador de "Talleres Castro SL" de Santiago, que casou con Carmen da Fábrica. Era unha familia rica e construíron un chalé moi luxoso a finais dos anos 60 na Rúa Coruña. O seu alcume era o Padre Benito.
  Un dos seus irmáns, José Castro Castro, -non tan afortunado economicamente- era zapateiro e vivía nunha casiña (que aínda se conserva) no Paraíso. Era coñecido como Pachiro.
  Seguindo co apelido Castro, Jesús Castro, mecánico do Recreo, casado coa segunda das Ramechas, Carmen, tivo tres fillos: Mª Carmen, José Manuel (Malelo) e o máis novo, Jesús (Suso), pero a este último todos lle chamaban Codechas. Morreu moi novo, aos 39 anos, de accidente en León.

  Ser FUNCIONARIO, sobre todo se é de cara ao público, garante ser un personaxe coñecido ás veces en todo o contorno. Tal foi o caso de Alfonso Noya Bermúdez (1921-1989), o primeiro garda municipal que houbo no concello. todos o coñecían como Cachorro, alcume que herdaron el e os seus irmáns do pai, José Noya Boquete (1892-1981), o legoeiro de Parada.
  Non menos coñecido, grazas ao seu bo caracter e afección ao bo vivir, foi Ramón Abeijón Amado (1927-2021), Kilé, alcume que herdou o seu fillo Juan F. Abeijón Casas, propietario dun pub (lugar moi frecuentado nos anos 80-90) e logo locutor da radio municipal.
  Por certo que parece que ese alcume púxollo Ramón da Fábrica, aínda que ignoramos o seu significado. Nalgún xornal desa época aparece escrito como Quilet que era parecido ao nome da enciclopedia Quillet moi popular en Hispanoamérica pero non sei se ten relación.
  Habitualmente dos sacerdotes falábase con respecto antepoñendo o don ao seu nome, pero José Fernández Fuentes (1905-1990), párroco de Ordes nos anos 60 e 70, non era especialmente querido e recibiu o alcume de Pepe Farias pola súa afección a esta marca de puros.
Continúa en Vellos alcumes (4).

No hay comentarios:

Publicar un comentario