viernes, 2 de marzo de 2018

A familia Astray

  Os Astray (por certo emparentados co militar golpista Millán Astray, aínda que a maioría foron de esquerdas) eran unha das familias de alta posición da vila. Non tiñan posesións pero si estudos e lucrativos postos de traballo.

  A pesar da existencia dun lugar así chamado en Mesía e da abundancia do apelido en Vilasantar, a orixe dos Astray de Ordes foi Padrón. Alí naceu en 1811 José Manuel Ramón Astray Fernández que casaría con Vicenta López de la Peña. O matrimonio tivo 8 fillos: Ramón, Vicenta, Eulogio, Manuel, Juan, Cesáreo, Mª Jesús e Esclavitud. Ramón e Cesáreo foron secretarios de concello. Eulogio foi farmacéutico en Carballo.

  Manuel Astray López (1845-1902), o 4º fillo, foi o que se instalou en Ordes. Era farmacéutico pero tiña a concesión de tabacos e comercio na "Calle Real" (agora Alfonso Senra 108 -onde esta Mabe-). Casou no século XIX con Carmen Mato González (m.1953), irmá do director do cárcere de Ordes, con quen tivo 6 fillos: Rafael, José, Manuel, Ramón, Ezequiel, Pilar e Antonio Astray Mato.
  Antonio morreu moi novo, aos 17 anos en 1916. Ezequiel (m. en 1934), que herdou o comercio, e Ramón, que foi avogado e logo xuíz en Ortigueira e Sada, non casaron.
  José estudou medicina e instalouse en Vigo onde casou cunha moza da alta sociedade, Mª Areán Estévez, e tiveron 4 fillos: Mª del Carmen, Mª Ángeles, José e Josefina.
  Pilar (1897-1979) casou en marzo de 1925 co administrador de correos de Pontedeume Gabriel Plata Agrelo (m. 1960). Viviron en Noia, vila natal do marido, desde que o trasladaron alí en 1930. Tiveron 5 fillos: Gabriel, Pilar, Margarita, Carmen e Miguel. O maior, Gabriel Plata Astray, foi un destacado catedrático de Química.


  Rafael estudou dereito e foi xuíz municipal pero rematou de inspector de policía en Coruña e Santiago. Casou en 1915 con Esperanza Troche Rivas. Os Troche eran outra das familias VIP de Ordes: había varias irmás mestras (Elvira deu clase en Mercurín 30 anos!), un veterinario e Antonio, ademais de recadador, posuía o Teatro-Cine Troche.
  Esperanza tiña mala saúde e morreu moi nova en 1931 despois de ter 4 fillas: Mª Carmen, Valentina, Esperanza e Dolores Astray Troche.
  Depurado polas súas simpatías republicanas, Rafel foi enviado a Canfrac (Girona) en 1940.
  Mª Carmen (m. 2010) e Valentina Tina (m. 2013) foron farmacéuticas. Mª Carmen posuía unha farmacia en Carballo pero as dúas vivían en Coruña. Tina casou con Constantino Velo García con quen tivo unha filla chamada Olga.
  Esperanza (m. 2011), máis coñecida en Ordes como Patita Astray casou con Ángel Villaverde Bello Ángelito de Monteiro (1918-1970) e deu clases no que agora é a rúa Parques Municipais. Tiveron tres fillas: Esperanza, Cristina e Margarita.
  A irmá menor, Dolores (m. 1979), non casou e vivía na Laracha.

  Manuel Astray Mato (m. 1964), o que continuou na vila, foi avogado, deputado provincial, xuíz municipal e, finalmente, encargado do Rexistro da Propiedade en Ordes. Do seu matrimonio con Clara Rivas Marzoa (m. 1965), filla do procurador Policarpo Rivas Godoy, tivo 5 fillos: Manuel, Mª Carmen, Mª Josefa, Antonio e Luis. Vivían nunha casa que estaba no que hoxe é a Clínica Concheiro.
  Manuel Astray Rivas, tamén avogado, rematou por ser subdirector da Oficina da Administración Pública de Ordes. Casou con Mª Ángeles Mariño Iglesias Marujita, filla do comerciante dos Lagartos Jose Mariño, coa que tivo dous fillos: Ángeles e Manuel.
  Ángeles que é funcionaria da Administración de Xustiza casou en 1974 con Ángel Suárez-Ferrín Pérez con quen viviu na Coruña e co que tivo unha filla, María. Divorciáronse e logo casou co padronés Rodolfo Ansede Martínez (m.2020) que xa tiña 3 fillos propios: Rosa, Rodolfo e Juan Ansede Bermejo.
  Manuel Nel (moi coñecido por ser dirixente do PSOE local e concelleiro en varias lexislaturas) é avogado. Casou con Ana Lorenzo Iglesias e tiveron unha filla, Paula, antes de divorciarse.

  Mª Carmen Astray Rivas, outra avogada máis, a quen chamaban Clarita a Cabra, porque era algo extravagante para a época, casou en 1952 co médico balear Bartolomé Siquier Serra. Tiveron unha filla, Mª Clara Siquier Astray, avogada como non.
  Mª Josefa Finita (1929-2012) marchou á Coruña onde casou con Luis Santos Seoane, co que tivo dous fillos: José Luis e Jaime.
  Antonio (m. 2000), avogado, casou con Mª Luisa Chacón Mariño. Viviron en Alfonso Senra e posteriormente na Coruña onde montaron un bufete. Tiveron dous fillos: Mª Pilar e Antonio Astray Chacón.
  Finalmente Luis Astray Rivas (m. 2008), oficial do Rexistro, casou en 1960 con Mª Pilar García Yrago (2009), máis coñecida como Pilarín Astray. Viviron na Rúa dos Lagartos 5 (no mesmo edificio que a carnicería de Antonio Buyo) e logo na Rúa Nova 36 e foron unha familia bastante desafortunada porque agás a súa filla maior, Luisa (que reside en Monforte), viron morrer novos aos outros fillos: Rafael, Alberto Trampallo e Juan Luis en 1999, 2003 e 2004 respectivamente.
  Alberto, María e Rafael, os tres fillos de Alberto e Ana Mª Loureda Pan (m.2018) son a última xeración da familia que aínda residen na vila.

2 comentarios:

  1. Muchas gracias por toda esta información. Hay cosas que yo no conocía.
    Solo un a nota sin importancia, vivimos en la Rúa Nova (antiguamente Generalísimo) nº 36. A mi madre la conocía todo el mundo por PILARÍN, es más, mientras en Santiago era Pilar Yrago, en Ordenes era Pilarin Astray, jeje
    Desgraciadamente Ana Mª Loureda también falleció (2018)
    Repito mi agradecimiento, me hace ilusión conocer datos sobre mi familia que ignoraba.
    Un abrazo

    ResponderEliminar